nós-dentro
editorial galaxia (2018)
isbn: 978-84-9151-158-8
112 páx.
(dous poemas)
se a terra vira
todos os días
na dirección dun abismo diferente
cal o significado
dunhas poucas existencias fugaces?
cal a consecuencia dunha felicidade
efémera
dunha flor que rompe
a capa fina da primeira neve
e desprega os seus pétalos
por unhas horas
até a seguinte nevarada?
a cor quedará conxelada
no agardar da primavera
e cando a neve vire auga
barro
da flor non quedará nin sequera
a sensación dunha falta
* * *
linlle a celso uns versos
é fermoso
porque é triste
era unha cita de rayuela
pero a celso recordoulle
unha vez no coche con estevo
e chovía
faleille despois a estevo
da lembranza de celso
non era só a choiva
dixo estevo
soaba tamén
unha canción de meredith monk
dunha tristeza preciosísima
* * *
os fentos demandan auga
case a diario
e lembran os recantos escuros
no xardín de daniel
é un sentimento confuso
entre compaixón e fastío
pero collo a xerra
régoos outra vez
e sento a ver as pólas febles
como recuperan logo a forza
o abismo de saber
que algo pende dos meus xestos
como contigo