[sen-fin]
edicións positivas (2021)
isbn: 978-84-949336-6-0
52 páx.
a ilustración de portada é miña
(catro poemas)
no visor da cámara
de alguén sentado
na fila de diante
a silueta da pianista
sobre fondo ocre
a beleza nace
ao intuír o encadre
o resto é técnica
ou mecánica
reproduzo o xesto
a intención
pero o impulso é van
non vou conseguir
a fotografía
* * *
a cociña en penumbra
a contraluz
a silueta de alguén
nunha cadeira
as mans superpostas na mesa
a fronte pousada nas mans
non é posible saber
se dorme
ou só pensa ou
deixa correr o tempo en branco
corte
agora está nun deserto
até onde chega a vista
ao seu redor espállase
o nada
os planos son longos pero
a intervalos
o rostro ocupa
toda a pantalla
observa
a perspectiva transmite
calma
pero os primeiros planos
deixan intuír
unha axitación fugaz
corte
a cámara volve situar
a silueta na cociña
abre os ollos
sabe que non acougará
nin sequera
no espazo amplo do pensamento
* * *
deteste diante
dun pequeno bosque
e concéntraste no brión
que medra nas cortizas
observas pola fiestra
dúas violetas
ao pé dun castiñeiro
e aínda que non teñen flores
recoñeces
as pólas novas
que naceron este ano
sorpréndeste cun matiz
da luz do sol que penetra entre as follas
nesa forma oriental
de ollar arredor
de centrarse nos detalles
está a lírica
na conciencia do ineludíbel das mudanzas
a dor
* * *
miro na pantalla
unha fotografía
os recordos son
como as bólas
na árbore de nadal
dan brillo á follaxe escura
do esquecemento
pero rompen se caen
na baldosa fría
a lembranza non está no pasado
é un verso
na paisaxe do cotián