Románico na montaña palentina (III)
(de este artículo existe una versión en castellano)
(O relato da primeira xornada está contado en dúas entradas previas: esta e estoutra.)
O plan para o domingo era ir xa pola mañá até Frómista pero quedárannos do sábado algunhas igrexas que queriamos ver.
Xa que logo, volvemos coller CL-626 en dirección a Cervera de Pisuerga. Para chegar onde queriamos, pouco antes de Cervera de Pisuerga cómpre coller a estrada P-227 cara ao surleste. Os carteis indican Herrera de Pisuerga. Por esta estrada fomos até Perazancas onde hai dúas cousas interesantes: a igrexa da Asunción e, saíndo da aldea cara ao sur, a ermida de San Pelayo.
A igrexa da Asunción é un templo do século XII, en orixe tiña unha soa nave e unha ábsida semicircular. No século XV ampliouse a tres naves e trasladouse a portada á cara meridional. No XVII sufriu unha nova modificación que alterou por completo a orientación do templo. A primitiva ábsida do século XII quedou adosada ao templo como unha capela lateral.
(Fai clic na imaxe para vela ampliada)
A decoración da fachada está composta por pequenas figuras de músicos, como no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, coa particularidade de que non son os anciáns do mestre mateo porque aquí vense músicos homes e tamén mulleres, intercalados con personaxes que realizan outras accións como ler ou comer. Velaquí dous fragmentos:
(Fai clic na imaxe para vela ampliada)
(Fai clic na imaxe para vela ampliada)
En canto á pequena ermida de San Pelayo, atópase na saída do lugar cara ao sur. O edificio data do século XI e é un dos máis antigos da zona. Porén, debeu existir no mesmo lugar un edificio anterior de estilo mozárabe. Algúns fragmentos desta construción descubríronse na fábrica actual.
(Fai clic na imaxe para vela ampliada)
Como noutras igrexas da zona, pódese ver aquí tamén o xadrezado "jaqués" típico especialmente en moitos tempolos vencelladas á peregrinación xacobea.
(Fai clic na imaxe para vela ampliada)
A fachada da ermida está situada no pé. A porta é moderna e ten unha fenda pola que, a pesar de estar pechada, albiscábase o interior no que se conservan algunhas pinturas murais.
(Fai clic na imaxe para vela ampliada)
Despois seguimos ao sur para chegar novamente ao cruzamento coa PP-2131 que, en dirección Aguilar de Campoo, levounos até o desvío da PP-2132 cara ao Barrio de Santa María. Polo camiño, en Foldada, está outra das que nos chamaron a atención desde lonxe pero non vimos: a igrexa do Salvador.
(Fai clic na imaxe para vela ampliada)
No Barrio de Santa María cómpre visitar a ermida de Santa Eulalia. É unha pequena ermida dunha nave coa portada no lado norte, de arco lixeiramente apuntado con arquivoltas.
(Fai clic na imaxe para vela ampliada)
Na decoración da ábsida, no pequeno capitel dunha das fiestras, pódese aprezar a escena de Adán e Eva coa Serpe.
(Fai clic na imaxe para vela ampliada)
O interior da ermida merece ser visitado. Por dous motivos principais: a decoración pictórica dos muros e a estrutura en diferentes niveis. Nós non puidemos entrar pero hai unha visita virtual de 360º facendo clic aquí (é posible que a ligazón xa non funcione).
Despois de visitar a ermida, seguimos en dirección Aguilar de Campoo para coller novamente a N-611 cara ao sur. Non son moi amigo das vías de alta capacidade cando estou a facer turismo porque penso que perdo de atravesar as pequenas poboacións que, en xeral, son as que reservan os mellores tesouros. Pero, desta vez, por axilizar o traxecto que xa víramos o día anterior, collemos un pequeno tramo da A-67 até a saída de Becerril del Carpio. Desde alí, volvemos tomar N-611 até un desvío á esquerda que indica Rebolledo de la Torre. Por esta vía, que se interna un pouco na provincia de Burgos, chégase a esta localidade burgalesa que alberga unha interesante igrexa adicada aos santos Juan e Basilisa. A igrexa non puidemos visitala por dentro (por problemas de tempo, seica no bar do clube social da aldea teñen a chave) pero o máis interesante está fóra: unha importante galería románica de dez arcos…
(Fai clic na imaxe para vela ampliada)
As columnas da galería teñen capiteis minuciosamente decorados con motivos diversos:
(Fai clic na imaxe para vela ampliada)
(Fai clic na imaxe para vela ampliada)
(Fai clic na imaxe para vela ampliada)
E tamén son atractivos os canzorros e este curioso capitel dunha das columnas da estrutura xeral:
(Fai clic na imaxe para vela ampliada)
(Fai clic na imaxe para vela ampliada)
Desde Rebolledo de la Torre continuamos xa camiño ao sur onde nos esperaban as dúas últimas paradas do traxecto: Frómista e Palencia cidade.